Os índices de delincuencia baixan na Pobra do Caramiñal

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/08/xuntalocalseguridadepobra0807141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/08/xuntalocalseguridadepobra080714.mp4{/flowplayer}

POBRA> Así o confirman os resultados que barallaron na Xunta Local de Seguridade celebrada no concello. Na xuntanza estivo presente o subdelegado do goberno na provincia da Coruña, Jorge Atán.

O subdelegado do goberno na provincia da Coruña, Jorge Atán, presidiu xunto co alcalde da Pobra, Isaac Maceiras a xunta local de seguridade. Na xuntanza participaron representantes das diversas forzas co obxectivo de analizar os índices de delincuencia sufridos no concello durante o que vai de ano. O rexedor municipal mostrouse satisfeito do traballo que todos os axentes están a realizar, xa que repercuten nun descenso de delitos e faltas do 19% respecto ó ano pasado. Entre as prioridades, desta xunta de seguridade, está a erradicación total de consumo de drogas na vía pública. Conseguiuse paliar este problema na súa práctica totalidade debido as continuas patrullas polos focos máis propensos, así como a realización de redadas unha vez ó mes como mínimo. A Policía Autonómica realizou, ademais, inspeccións rutineiras en 37 locais da Pobra do Caramiñal, coa finalidade de detectar irregularidades como a venda de alcol a menores ou o consumo de tabaco no establecemento. No 2013 había tres locais infractores, pero agora o problema está solucionado. A mellora dos resultados débese á colaboración conxunta dos diversos corpos. Aínda que os índices de delincuencia descendesen favorablemente respecto ó ano pasado, seguirase traballando para melloralas, especialmente en tres ámbitos. Aproveitando a ocasión, fíxoselle unha homenaxe ao comandante da Garda Civil de Boiro-Pobra, Francisco Mira. Tras sete anos de traballo na Pobra, trasládase a Monforte de Lemos debido a un ascenso. Mostrouse agradecido polo trato recibido por parte do goberno local. A próxima xunta local de seguridade realizarase ó día previo ás festas do Nazareno para garantir que a celebración transcorra sen incidencias.