Showcooking con produtos da ría de Arousa

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/19/actividadesgac5rianxo1906141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/19/actividadesgac5rianxo190614.mp4{/flowplayer}

    RIANXO> Desenvolverase no Mercado de Rianxo, o sábado 21. O prestixioso cociñeiro, Miguel Mosteiro, comezará “o espectáculo” a partir das 11 da mañá.

    Neste primeiro obradoiro de cociña, que presentou hoxe o Concello de Rianxo, traballarase con peixe fresco da lonxa, moluscos e algas. Produtos todos da nosa ría que serán elaborados de xeitos moi diversos, desde as formas máis tradicionais ata as máis vangardistas, co obxectivo de exaltar a gastronomía arousá. Da man de Miguel Mosteiro, coñeceremos novas técnicas para espremer o mellor sabor do mar, investindo pouco tempo e pouco orzamento. O Grupo de Acción Costeira da Ría de Arousa ten o obxectivo de dinamizar o consumo de produtos locais e promocionar os nosos peixes e mariscos, polo que este showcooking mariñeiro conta co seu apoio.

    A xerente do GAC nº5 aproveitou para valorar o traballo desenvolvido por este programa europeo. No pasado ano 2013 executáronse, con orzamentos da Consellería do Mar, 46 proxectos dos 91 presentados por empresas, cooperativas ou autónomos vinculados ó mundo da pesca. Este impulso repercute directamente na creación de postos de traballo. Neste 2014, xa hai 22 proxectos aprobados ós que se lle destinarán preto de 300.000 euros de subvención. Entre eles hai 18 produtivos, que son aqueles que xeran riqueza e emprego no territorio. Desde o concello rianxeiro animan a solicitar estas axudas para levar a cabo proxectos orientados a fomentar e impulsar a diversificación económica destas zonas de pesca a través de actividades turísticas, medioambientais ou comerciais.