O executivo noiés continuará coas obras de conservación na Chaínza

NOIA> O alcalde, Santiago Freire, anunciou que nas próximas semanas destinaranse a este fin preto duns 20 mil euros. Irán con cargo ó remanente de tesourería do pasado ano.

Dende a súa compra no ano 2010, ano no que os catro edificios que conformaban a antiga fábrica de curtidos da Chaínza pasaron a ser de titularidade municipal, viñéronse desenvolvendo diferentes actuacións destinadas, nunha primeira fase, a consolidar a súa estrutura exterior co fin de mellorar a seguridade na zona e evitar o seu derrubamento. Así nos próximos meses destinaranse a este fin preto duns 20 mil euros que irán con cargo ó remanente de tesourería do pasado ano. Pero esta actuación non será a única.

O Concello pretende desenvolver un ambicioso proxecto que permita poder ubicar alí un albergue de peregrinos, así como a sede do conservatorio municipal e un auditorio. En breve o Concello ten convocar un concurso de ideas para definir o proxecto de rehabilitación e un plan de usos, ó tempo que realiza tamén as xestións oportunas de cara a conseguir financiamento para poder desenvolver este proxecto, ben a través de fondos europeos, con novas convocatorias dos GALP, ben a través doutras Administracións.