O BNG pobrense denuncia a deixadez do goberno en cuestións educativas

    POBRA> Critican que o goberno local non acometa os arranxos que necesitan os diversos centros educativos da vila. Instan ademais, ó executivo, a crear un Consello Escolar Municipal.

    Coincidindo coa temporada estival, os distintos centros educativos da Pobra queren que se rehabilite a deterioración que sofren as súas instalacións. Esta semana, xa puidemos ver á comunidade educativa do Fernández Varela reclamando as melloras prometidas por parte do concello e da consellería. Hoxe o Bloque Nacionalista Galego considerou que a administración local non está realizando un axeitado mantemento e por iso presentará unha moción, no seguinte pleno ordinario, para solicitar que se acometan os arranxos que reclaman as distintas direccións. Os nacionalistas evidencian o abandono que sofren os patios de recreo do Pilar Maestú e do Salestiano Rey, dous recintos que crían maleza, que contan cuns peches deteriorados e que ademais non dispoñen de mobiliario de xogos para os máis pequenos. Máis melloras, non obstante, se requiren no colexio Fernández Varela, onde reclaman cambio de fiestras, reforma de baños e creación de máis sanitarios entre outras. O BNG considera que os distintos investimentos públicos deben garantir a igualdade de condicións para todos os alumnos e alumnas. Ademais de coidar o mantemento dos distintos centros educativos, o BNG inclúe na moción unha petición para que se constitúa un Consello Escolar Municipal. Este órgano xa está funcionando en vilas veciñas como Ribeira, e os nacionalistas da Pobra véñeno reclamando dende hai 15 anos.