Artes volverá converterse na capital do folk galego coa 3ª edición do Bruón Fest

RIBEIRA> A parroquia ribeirense de Artes volverá converterse en capital do folk galego co Bruón Fest que se celebrará o 8 e 9 de maio.  Xunto con numerosas agrupacións tradicionais de toda a comarca, participarán nesta terceira edición figuras destacadas como Mondra e Luís Prego.

O programa do Bruón Folk Fest arrancará xa o venres día 8 cunha mesa redonda sobre a comunicación. A continuación dará comezo a música co espectáculo de Liantes e Amigos no que tomarán parte practicamente tódalas agrupacións do municipio. A xornada rematará co concerto dos Five Pipers e unha queimada.

O sábado será o día dedicado ós máis cativos co Bruonciño que albergará obradoiros, actuacións infantís a cargo de Ce Pantasma e Pakolas, un parladoiro con Mondra e un taller pedagóxico a cargo de Paula Pérez, entre outras moitas actividades.

Xa pola noite, a música tradicional volverá ser protagonista con Faltriqueira, Ardentía e Ramalleira.

Como xa é habitual os participantes entoarán o Himno Bruón para despedir o festival. Durante as dúas xornadas haberá postos gastronómicos e food trucks no recinto habilitado ó carón do centro recreativo.