Preséntase en Ribeira o II Trofeo de Pesca Ramiro Carregal Rey

RIBEIRA> Máis alá da mera competición deportiva, esta iniciativa ten un marcado fin social, posto que todo o peixe capturado seralle entregado á Fundación Amigos de Galicia. Solidariedade e pesca deportiva volverán a ir da man no segundo Trofeo de Pesca Ramiro Carregal Rey, Campionato Interclubs das Rías Galegas. A cita que se desenvolverá este próximo domingo día 13 de xullo está organizada polo Club Náutico e Deportivo Ribeira, en colaboración con outras entidades como é o caso da Fundación Amigos de Galicia, Frinsa, Pescaldía ou o propio concello de Ribeira. A inicitiva terá ademais un marcado fin solidario, xa que tódalas capturas realizadas seranlle entregadas á Fundación Amigos de Galicia que o repartirá entre as familias máis necesitadas do Barbanza. O empresario Ramiro Carregal tamén estivo na presentación, mostrando a súa satisfacción por poder colaborar con esta iniciativa. Dende a organización tamén agardan superar a media tonelada de capturas. Todo dependerá das condicións climatolóxicas para ese día. Na proba está prevista a participación dunhas oitenta persoas que optarán ós premios de mellor pescador individual, mellor embarcación, peza máis grande e club gañador.