Fronte común contra a reforma de Gallardón

PONTEVEDRA> Os trece concellos da provincia de Pontevedra con planta xudicial formarán unha fronte común contra o proxecto de reforma de Gallardón que prevé a desaparición destas sede. Todos subscribiron esta mañá un manifesto no que solicitan ó ministro de xustiza a paralización da norma e que se teñan en conta as características poboacionais de Galicia. Non houbo fisuras. Os trece concellos de Pontevedra con planta xudicial asinaron o manifesto promovido pola Deputación provincial para paralizar a Reforma da Administración de Xustiza que promove o ministro Alberto Ruíz Gallardón. A el diríxenlle este manifesto, co que agardan tome en consideración as características poboacionais de Galicia como principal argumento co que tombar esta norma. Desde a Deputación e os concellos advirten de que a eliminación dos partidos xudiciais non só suporá custes para os veciños destas zonas, ó ter que realizar maiores desprazamentos ata a sede central. Están seguros de que moitos nin sequera accederán á xustiza por non dispor do servizo ó seu carón. E iso, din, supón truncar un dereito fundamental da cidadanía. Este manifesto con cinco puntos nos que se repasa o particular asentamento poboacional da nosa comunidade, susténtano noutros datos cos que xustificar a elevada actividade xudicial que acollen os partidos xudiciais da provincia. No 2013, os 63 xulgados de instrución atenderon preto de 160.000 asuntos. Sen ter en conta os investimentos en infraestruturas xudiciais que se veñen facendo nos últimos anos e que coa reforma quedarían inutilizados. Polo momento o envío deste manifesto é o único paso que teñen previsto estes concellos, que xa nos seus respectivos plenos aprobaron mocións contra o borrador da reforma xudicial. Outros como Caldas, iniciarán en setembro unha batería de accións para informar á cidadanía da situación e dos inconvintes que suporía a eliminación do seu xulgado. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/21/XUNTANZADEPOPLANTAXUDICIAL.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/21/XUNTANZA_DIPU_ALCALDES.mp4{/flowplayer}