O Ángeles Alvariño recala no porto de Muros

    MUROS> Esta sofisticada embarcación, operadA polo Instituto Español de Oceanografía, abriu as súas portas para dar mostra do laborioso traballo que se desenvolve nela.

    Con motivo do centenario do Instituto Español de Oceanografía, o buque de investigación español está realizando xornadas de portas abertas para dar a coñecer o traballo que se desenvolve desde esta entidade. Estas xornadas lévanse a cabo entre campaña e campaña de traballo científico. Vista a boa acollida que tiveron nos anteriores portos, pensan continuar amosando os recunchos desta infraestrutura, considerada a máis moderna e sofisticada do país, que sorprende a grandes e pequenos. Ó longo do día de hoxe achegáronse ata o porto de Muros centos de persoas, as cales puideron visitar a ponte de mandos, os camarotes, a cuberta ,os laboratorios húmidos e multipropósito, entre outra infinidade de estancias. Viron de primeira man como se extraen mostras do fondo mariño, como se interpretan e como repercuten estes datos nas nosas vidas. Nunha das visitas participaron o patrón maior de Muros e a alcaldesa da vila entre outras autoridades municipais. Caridad González quixo dar as grazas o capitán por facer que o Ángeles Alvariño arribara nas costas muradás.