
BOIRO> Será o 9 e 10 de agosto. Coincidirá coa regata boirense da liga ACT.
A exaltación do mexillón de Cabo de Cruz celebrará a súa décimo terceira edición esta fin de semana. Aínda que a cita xa estea consolidada nos calendarios gastronómicos galegos, a organización continúa innovando para potenciar o produto a nivel nacional e internacional e tamén por suposto, para darlle ó mexillón o protagonismo que se merece nunha vila que vive del. O sábado 9 será o día da degustación da paella e xa o domingo, a propia exaltación do mexillón a partir das 13.30 horas. O produto poderá degustarse nas formas máis tradicionais como ó vapor ou en empanada, pero tamén en salsa ou con polbo e fabas de Lourenzá. A edición deste ano conta cun mexillón de gran tamaño e bo sabor segundo apuntaron na presentación. Haberá dispoñibles máis de 4.000 quilos de bivalvo en vianda, e para mostrarllos á xente apostan por traballar e refinar a presentación. O Club de Remo de Cabo de Cruz quixo que a festa coincidira novamente coa regata da ACT que se realiza en Boiro. O alcalde do municipio, Xoán Xosé Dieste, indicou que sempre se realizaron os dous eventos nas mesmas datas, e este ano que o equipo ascendeu novamente non podía ser menos.Desde a organización calculan que máis de 3.000 persoas degustarán o mexillón en Cabo de Cruz. 1.500 procedentes da regata.









