A Deputación da Coruña aposta por novas liñas de subvención culturais

    A CORUÑA> A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, presentou as novas liñas de subvencións en materia cultural, onde se observa un cambio importante no reparto das achegas. A partir de agora mudan as subvención nominativas por liñas de axudas en concorrencia competitiva, seguindo criterios obxectivos de reparto dos orzamentos públicos. A institución provincial destirará a este fin máis de dous millóns de euros e en breve sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia. A responsable da área destacou tamén a vontade de contribuír desde o ámbito cultural á creación de emprego que se derivará das propias liñas de axuda. Para museos de centros de interpretación destinaranse uns 500 mil euros para a contratación de persoal de atención ó público. Outra partida de 525 mil euros irá a apoiar o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos ou entidades sen fin de lucro. As corais, bandas de música popular e entidades de música e baile tradicional recibirán uns 375 mil euros tanto para o desenvolvemento das súas actividades, proxectos ou eventos como para investimentos e finalmente, as fundacións do ámbito cultural poderán optar a uns 850 mil euros co fin de apoiar os seus proxectos e actividades culturais.