As obras da EDAR de Ribeira darán comezo en setembro

    RIBEIRA> Hoxe asinouse o convenio de colaboración entre ACUAES e a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A actuación beneficiará a 32.500 habitantes.

    A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a directora xeral de Augas das Concas de España, Aránzazu Vallejo, asinaron hoxe o documento que permitirá ó goberno central dar comezo ás obras dunha futura depuradora no concello de Ribeira, que estará situada en Couso. Esta infraestrutura permitirá a depuración das augas residuais do núcleo, así como de Aguiño, da Ameixida, da Revolta e de Castiñeiras. Os presentes sinalaron a importancia de esta actuación polas melloras que conlevará a ría de Arousa, ó seu turismo e ó seu marisqueo. A esta actuación hai que sumarlle a creación dos colectores xerais e a depuradora de Corrubedo, a reparación do emisario de Touro, e o saneamento da Ribeiriña. Estas catro melloras ascenden a 38 millóns de euros de investimento. Recalcaron, no acto, que as accións son froito da estreita colaboración entre administracións. A infraestrutura protagonista do día, a futura Estación Depuradora de Augas Residuais, financiarase pola Xunta de Galicia e Acuaes, a través dos fondos FEDER da Unión Europea. As obras da EDAR de Ribeira darán comezo no mes de setembro e alongaranse durante 15 meses. O alcalde de Ribeira pediu comprensión ós veciños e desculpas anticipadas polas molestias que esta importante obra pode supoñer. Incidiu, a directora xeral de Augas das Concas de España, na importancia de realizar estas obras de saneamento. O mandatario local, Manuel Ruíz, indicou que estamos ante a obra máis importante cuantitativa e cualitativa da historia de Ribeira.