Ábrese camiño a proposta de ACERGA de fixar topes diarios para o xurelo

    SANTIAGO> Tras máis de dúas horas de reunión, os membros da comisión sectorial do cerco saíron satisfeitos dos acordos adoptados na xuntanza na que se abordaron os topes diarios para o xurelo. A proposta de ACERGA, asociación que aglutina a maior parte da flota cerqueira, baralla un cupo de seis mil quilos diarios para embarcacións con máis de dez tripulantes e, de entre cinco mil e cinco mil cincocentos para as menores. O plan inclúe ademais unha veda para favorecer á recuperación da especie que podería fixarse entre os meses de decembro e marzo. Estas condicións semellan convencer a tódalas partes, e marcan un punto de inflexión nas relacións entre a Consellería e o sector que o pasado ano protagonizaron un tenso enfrontamento. A propia conselleira, Rosa Quintana, que presidiu o encontro xunto co secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, expresou a súa satisfacción ante o feito de que o sector volva traballar unido na busca dunha maior rendibilidade na comercialización das súas capturas. Agora a proposta será cometida á consulta das confrarías, onde ACERGA conta con representación maioritaria polo que é moi posible que saia adiante. De feito, a organización de produtores de Lugo que aglutina a barcos con máis volume de cota amosou durante a reunión a súa disposición a apoiala. Durante a xuntanza abordouse tamén a posibilidade de incluír neste acordo ó arrastre pero haberá que agardar a coñecer a opinión deste segmento da flota que, con toda probabilidade, será convocada para unha comisión o próximo venres.

    Comments are closed.