Desartellado un novo punto de venda de droga en Ribeira

    RIBEIRA> O operativo desenvolvido pola Policía Nacional en Aguiño saldouse con dous detidos e a intervención de preto de 160 gramos de cocaína e de 130 de heroína, así como diversos efectos e diñeiro en metálico. Axentes da Policía Nacional de Ribeira procederon á detención de dous veciños da localidade, de 36 e 46 anos de idade respectivamente por un presunto delito de tráfico de drogas. As detencións foron realizadas en Aguiño, despois de varios meses de investigación. No momento do arresto , un dos dous prendidos portaba entre as súas roupas 19 gramos de cocaína en e 18 de heroína preparadas para a súa distribución e venda. Ademais nos rexistros levados a cabo en varias vivendas de Aguiño e Ribeira intervíronlles outros 143 gramos de cocaína, 120 de heroína, preto de dous quilos de marihuana e cinco gramos e medio de haxix. No operativo, os axentes tamén se fixeron con difersos efectos empregados na elaboración das drogas como substancia de corte, básculas de precisión, unha prensa hidráulica, varios teléfonos móviles, un vehículo e uns 8.400 euros en efectivo en billetes de diverso valor. Tamén localizaron unha plantación de marihuana con sistema de ventilación, rego, transformadores e iluminación, con unhas 311 plantas. Os dous detidos xa contan con antecedentes policiais por tráfico de drogas e delitos contra a propiedade.