RIBEIRA> Como cada xoves, os membros da Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza concentráronse en Ribeira. Denuncian que o centro de saúde conta cun terzo menos dos médicos asignados, o que incide directamente na calidade asistencial e na saturación doutros servizos.
A loita pola incorporación de médicos segue na rúa. Cidadáns de Ribeira concentráronse ás portas do centro de saúde este mediodía, convocados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, para reclamar a cobertura das prazas que aínda continúan sen cubrir.
A esta mobilización que se repite semanalmente virase sumar o gran acto de protesta previsto para o sábado día 11 no que 5000 persoas formarán unha cadea humana entre o centro de saúde e o hospital.
Como cada xoves, representantes das diferentes forzas políticas de Ribeira sumáronse á concentración. Entre eles, o alcalde que foi recibido cunha gran ovación en sinal de apoio trala presentación da moción de censura. Non así, o seu xa exsocio, Vicente Mariño, a quen os manifestantes lle fixeron chegar o seu malestar ó berro de ‘fora traidor.’











