‘A economía estase recuperando, e non fan falta estatísticas’

PONTEVEDRA> O presidente da Federación de Empresarios de Pontevedra asegura que as pequenas e medianas empresas da provincia están empezando a contratar, e ese é o mellor síntoma para avaliar que o tecido económico empeza a superar a crise. Por sectores, industria, construción e sobre todo turismo lideran a xeración de postos de traballo. O filón que aínda queda por explotar segundo Luís Novoa, o turismo. Indicábano os datos do paro que coñeciamos este luns. O desemprego reducíase en xullo por sexto mes consecutivo e a día 31 a provincia de Pontevedra contaba con 6.493 parados menos que hai un ano. O sector no que se xeraron máis empregos: servizos. Estas son as claves que demostran, segundo a Federación de Empresarios de Pontevedra, que a economía empeza a despegar. Pero lonxe de estatísticas, o presidente da entidade vai á actividade dos propios asociados. Pequenas e medianas empresas que están a realizar contratacións novas despois de que a tendencia foran os despedimentos. Servizos é o sector que está a liderar esas novas contratacións seguido da Industria e da Construción. Sempre ollando cara as pemes. Ese bo funcionamento dos servizos explicase polo tirón turístico da provincia, pero segundo Luís Novoa, esta materia é aínda unha ‘asignatura pendente’ para a provincia. Non existe un ‘proxecto profesional’, di Novoa, un plan que debería investigar asociacións territoriais como o combo Galicia-Norte de Portugal. Á marxe do turismo, a exploración de mercados internacionais e a exportación segue a ser unha das vías de escape das empresas nestes intres. De aí que a Federación de Empresarios estea a barallar realizar unha nova misión comercial a países estranxeiros cara o último trimestre do ano. Foi un dos temas que presidente da entidade e o seu homólogo na Deputación, Rafael Louzán, trataron durante a xuntanza mantida esta mañá. Este e a avaliación do novo Plan de Práctica Laboral posto en marcha polo organismo provincial e que permite ás empresas contar con bolseiros aliviando a súa repercusión económica. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/08/depofep.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/08/RECUPERACION_EMPRESARIOS_PONTEVEDRA.mp4{/flowplayer}