Presentada a XXV edición da bandeira Deputación da Coruña

    POBRA> O concello pobrense será escenario este próximo venres de dous acontecementos deportivos de primeira orde. Por unha banda a disputa da XXV Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña e por outra a final da Copa Deputación da Coruña. A enseada do peirao pobrense será escenario este próximo venres, a partir das once e media da mañá, da disputa da 25 edición da bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña. Na proba organizada pola Federación Galega de Remo, tomarán parte a totalidade de clubs da provincia coruñesa: Perillo, Cabana, Esteirana, Rianxo, Puebla, Ares, Mugardos e Cabo de Cruz. Esta última embarcación, que milita na Liga ACT-San Miguel é unha das máximas favoritas a priori para facerse coa vitoria. A regata disputarase en dúas tandas sobre unha distancia de tres millas mariñas, distribuídas en seis longos e cinco ciabogas. En total o organismo provincial destinará a premios máis de trece mil euros. A Pobra será escenario tamén este venres doutro acontecemento deportivo de máximo nivel como é a disputa da final da Copa Deputación. Será ás sete da tarde no estadio da Alta e enfrontará ós dous clubs da provincia que militan en Segunda B: o Racing de Ferrol e o Somozas, ámbolos dous da comarca de Ferrolterra. Dende o concello pobrense destacaron a importancia de poder acoller estas dúas citas deportivas, facendo un chamamento a tódolos veciños da localidade a asistir a presencialos, xa que se trata dunha oportunidade única. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/13/presentacionbandeiradeputacion1308141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/13/presentacionbandeiradeputacion130814.mp4{/flowplayer}