Dous alumnos do CPR Divino Maestro da Pobra farán prácticas laborais en Madeira no marco do ErasmusPro

A POBRA> Dous estudantes do Centro de Formación Profesional Divino Maestro da Pobra participarán no programa ErasmusPro. Realizarán prácticas en empresas da rexión insular de Madeira durante catro meses.

Adrián e Laura afrontan os últimos preparativos para vivir a súa primeira experiencia internacional. O domingo partirán cara Madeira no marco do programa Erasmus Pro do que é beneficiario o Centro de Formación Profesional Divino Maestro da Pobra. Aínda que xa é a terceira vez que o centro pobrense participa nos programas de intercambio europeo, este ano marcará un fito importante posto que participan alumnos titulados que obtiveron os certificados profesionais de grao C e se atopaban en situación de desemprego.

A estadía durará catro meses nos que realizarán prácticas en empresas vinculadas coas súas ramas: xestión de recursos humanos e operacións auxiliares administrativas.

Adrián e Laura ven nesta experiencia non só unha oportunidade laboral senón unha achega a outro país cunha lingua e cultura diferentes da que poderán empaparse ó longo dos próximos catro meses.