Ribeira propón a creación dunha empresa mixta para xestionar a lonxa

    RIBEIRA> O alcalde de Ribeira reuniuse con representantes de diferentes entidades e usuarios que operan na lonxa coa finalidade de analizar o futuro modelo de xestión da nova infraestrutura, unha vez que o concurso convocado pola Xunta quedase deserto. Varias son as alternativas que se barallan, aínda que a que máis gusta é que sexan os propios usuarios os encargados de administrar a nova rula. Coas obras xa practicamente rematadas, e á espera de recepcionar a nova lonxa, os próximos pasos a dar antes da súa entrada en funcionamento pasan por decidir a súa futura xestión, unha vez que o concurso convocado pola Xunta para facerse con este servizo quedara deserto e o escaso interese por parte do concello a seguir coa administración da rula, como ata o de agora. Por esta razón o alcalde, Manuel Ruíz, mantivo unha reunión na que tomaron parte representantes de diferentes entidades usuarias da rula, na que se incidiu na necesidade de traballar cara un modelo de xestión na que estean representados os distintos colectivos que integran o sector do mar de Ribeira e o propio Concello, mediante a constitución dunha empresa mixta. Nos próximos días o rexedor ribeirense ten intención de reunirse coa Conselleira do Mar e tamén con representantes de Portos de Galicia para trasladarlles esta posibilidade. De obter o visto bo dos representantes autonómicos, o concello poñeríase mans á obra de cara a estudar as posibilidades desa empresa mixta para a xestión da lonxa, e o papel que debera desempeñar cada parte integrante da mesma. Por outra banda o alcalde tamén se reuniu cos praceiros do mercado municipal co fin de concretar os detalles do traslado ó novo edificio. Na xuntanza, na que tamén estivo presente a edil responsable desta área, Esther Patiño, acordouse aprazar ata despois do Nadal o cambio para as novas instalacións. Un proceso do que se encargará unha empresa a especializada. Os praceiros tamén lle solicitaron ó alcalde unha serie de melloras que veñan a paliar as posibles incomodidades derivadas de ir todos situados nunha única planta e que teñen que ver principalmente coas distancias de separación entre os distintos postos. A xuntanza tamén serviu para que os representantes do executivo lle informaran das novas cláusulas da ordenanza fiscal reguladora desta actividade, que vai ser sometida a aprobación plenaria a vindeira semana.