{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/14/visitaministrafomentopremiosatlante1408141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/14/visitaministrafomentopremiosatlante140814.mp4{/flowplayer}
RIBEIRA> A ministra de Fomento visitou Artes coincidindo coa V entrega dos premios Atlante. Nesta nova edición aumentou considerablemente a participación e a calidade das obras executadas mediante diversas técnicas da arte gráfica.
Numerosas personalidades do mundo cultural e político se reuniron no Museo do Gravado de Artes con motivo dunha nova entrega dos premios Atlante. Uns galardóns consolidados na comarca do Barbanza e que contan cada ano con maior proxección internacional. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, incidiu no incremento de traballos presentados e tamén na súa calidade. O premio máis destacado, que leva o nome do empresario Ramiro Carregal, foi outorgado ó polaco Tomasz Winiarski pola súa obra “Forma III”. Na categoría reservada para artistas do Barbanza, venceu a noiesa Rosana Calvo. Durante o acto de entrega púxose de manifesto, en reiteradas ocasións, a importancia do centro de Artes e a necesidade de conservalo. A colaboración entre administracións foi unha das ideas máis impulsadas para garantir o mantemento de centros coma este, que traballan na difusión cultural. A ministra de Fomento, Ana Pastor, resaltou o que este ámbito supón para o turismo en España. Por este e outros motivos, como a conservación do noso patrimonio, a ministra expresou o compromiso do goberno de España con este centro cultural e artístico, situado na parroquia que porta o nome máis apropiado.