O concello de Outes readaptará as instalacións do CEIP Emilio Navasqües para destinalo a centro social

OUTES> A actuación é unha das numerosas obras que se executarán con cargo ó Plan Único da Deputación da Coruña deste ano 2018.

As totalidade das obras licitadas polo Concello suman un importante investimento que se achega ó millón de euros. As actuacións contribuirán a renovar numerosas infraestruturas municipais e inclúen tamén a limpeza e pavimentación de numerosos núcleos, camiños, pistas e estradas municipais.

Unha das obras máis destacadas, cun orzamento duns 170 mil euros, será a substitución da cuberta e a adaptación interior do edificio do antigo colexio Emilio Navasqües, que pasará a usarse como centro social municipal.

Tamén se acometerá a reforma dos vestiarios do campo de fútbol e reformarase a sala de actividades da piscina municipal, para acondicionala para o desenvolvemento de actividades deportivas.