Presentada a Ultra BTT ‘Barbantia Roda’

    BOIRO> A carreira, que se desenvolverá o vindeiro seis de setembro, ten coma novidade nesta edición a realización tamén ese día do primeiro Trail de Atletismo e a primeira ruta de Sendeirismo Mitolóxica. Os afeccionados ó mundo da bicicleta terán novamente unha cita o seis de setembro coa disputa da terceira edición da Ultra BTT de Cicloturismo organizada pola Sociedade Deportiva Barbantia Roda. A carreira, unha marcha en BTT de gran fondo, cun percorrido de cen quilómetros , desenvolverase pola serra do Barbanza. A proba volverá a estar apadriñada polo exciclista, Ezequiel Mosquera e o músico Toñito de Poi. Os dous destacaron a dureza da carreira. A carreira conta coma patrocinador oficial a Jealsa-Rianxeira, que co seu apoio pretende fomentar os hábitos de vida saudables. Dende o concello boirense tamén destacaron a importancia deste tipo de probas, nas que se combina deporte, ocio e turismo. A saída da proba terá lugar o sábado seis de setembro ás nove da mañá dende a praza do concello de Boiro. Para máis información e inscricións poden consultar a páxina web emesports.es. Dende a organización confían en incrementar o número de participantes da edición anterior, que se situou nos 210 corredores, procedentes de distintos puntos da xeografía galega e mesmo de fóra, como é o caso de Asturias, Cantabria ou Madrid.