Pesca apela á sensibilidade social para acabar co furtivismo

    furtivismo_100_080807.jpgBARBANZA > A Consellería de Pesca iniciará unha campaña de sensibilización sobre a necesidade de respecta-los recursos marisqueiros.

    A praia de Barraña, en Boiro, é unha das principais afectadas pola acción dos furtivos ocasionais, que aproveitan o baño neste areal para extraer marisco, sen ningún tipo de autorización. Ademais do persoal de vixilancia contratado pola Xunta de Galicia e pola confraría, son os propios mariscadores os que teñen que patrullar as costas para asegurar a conservación do seu medio de vida.

    O principal problema que motiva este tipo de prácticas ilegais é a falta de concienciación entre a sociedade que non acaba de entender que a extración destes recursos está reservada a persoas que contan cun permiso de explotación. Estes traballadores dedícanse durante todo o ano a tarefas de limpeza e rexeneración dos bancos e cultivo do marisco ademais de pagar unha serie de cuotas pola súa actividade.

    Por este motivo, dende a Consellería de Pesca vaise iniciar unha campaña publicitaria dirixida ós bañistas co fin de informalos da necesidade de respecta-lo que constitúe o medio de vida de moitas persoas. Unha necesidade da que xa son conscientes moitos boireses e visitantes que se achegan estes días ós areais da zona, compaxinando o seu tempo de descanso co respecto ó traballo dos mariscadores.

    Máis vixilancia

    A pesar do incremento da vixilancia que se ten producido este ano en toda a costa galega, hai quen considera que deberían incrementarse os controis sobre este tipo de prácticas e endurece-las sancións sobre os furtivos.

    Este ano, a Consellería de Pesca destinou máis fun millón de euros para vixilancia dos areais e asistencias técnicas das confrarías, incluidos na orde do 30 de decembro de 2005 de axudas a proxectos colectivos de xestión integral.

    Aínda así, todo esforzo é insuficiente para ter vixilados os máis de 1.500 quilómetros de costa que presenta a comunidade galega polo que a administración apela á colaboración cidadá e á sensibilidade da sociedade para acabar co furtivismo.

    Redacción Barbanza