Fútbol e solidariedade, protagonistas en Vista Alegre

    BOIRO> Un partido de fútbol, organizado por hostaleiros da zona, recadará apoios para a Asociación Española Contra o Cancro.

    Dous establecementos hostaleiros do municipio de Boiro, Kir’s e Barbantia, enfrontaranse este sábado 23 no campo de fútbol municipal de Vista Alegre ás 18 horas. Podería ser un encontro máis dos tantos que se fan entre amigos, pero este ten un obxectivo benéfico que repercutirá na Asociación Española Contra o Cancro de Boiro.Os organizadores convidan a toda a veciñanza a contribuír con esta causa que tan presente está nas nosas vidas. Marisa Lojo, presidenta en Boiro da Asociación Española Contra o Cancro mostrou o seu agradecemento por unha iniciativa semellante. Quen tamén a aplaudiu foi o Concello e ademais mostrouse disposto a colaborar. O custe da entrada será de 2 euros, que irán destinados integramente á causa. Para os máis pequenos haberá regalos ó comezo do partido. Desde a organización desexan que a asistencia sexa un éxito e poida continuarse coa iniciativa no tempo. O alcalde de Boiro, que sairá ó campo coa camiseta dos Kir’s, mostrouse orgulloso das actividades solidarias que nacen neste concello.

    Comments are closed.