BOIRO> O concello de Boiro porá en marcha unha residencia de artistas en colaboración coa galería de arte ‘La Doce’. Os tres gañadores do concurso gozarán dunha estadía dun mes no municipio traballando nun proxecto artístico que teña a Boiro como fonte de inspiración.
A Concellería de Cultura decidiu convocar o concurso de Residencias Artísticas, dirixido a todo tipo de creadores relacionados coas artes plásticas.
Un xurado especializado realizará unha selección entre tódolos aspirantes: 3 suplentes e 3 gañadores que, ademais dunha dotación económica de mil euros, disfrutarán dunha estadía creativa en Boiro durante o mes de setembro. Como contrapartida, os gañadores impartirán un obradoiro artístico en Boiro e cederán a obra resultante do seu traballo durante a estadía como parte dunha exposición organizada polo concello.
Dende a organización animan ós creadores a participar no concurso ó que poderán inscribirse ata o día 12 de xuño a través da sede electrónica ou no rexistro xeral do concello.