A POBRA> A Pobra acollerá durante o mes de maio a quinta edición do programa ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’. Componse dunha serie de seminarios impartidos por profesionais da Universidade de Santiago para maiores de 50 anos.
Este programa promovido, pola Universidade de Santiago, acada xa a súa quinta edición no concello da Pobra no que ano tras ano veu acadando un grande éxito de participación. está dirixido a maiores de 50 anos que desexen ampliar os seus coñecementos en materias variadas que abarcan diversos campos da ciencia e das humanidades.
A primeira das sesións sobre ‘O sono e os seus Trastornos’ terá lugar o 9 de maio da man de Mónica Antelo que impartirá ó día seguinte un obradoiro sobre técnicas de relaxación para conciliar o sono. Os oficios tradicionais serán os protagonistas do segundo seminario mentres que a cromática e simboloxía das cores completará a programación.
As sesións teóricas desenvolveranse no auditorio do Museo Valle-Inclán en horario de catro e media a seis. A matrícula é de balde e os interesados xa se poden anotar na casa da cultura Raquel Fernández Soler.