BOIRO> Os incidentes, que se produciron en Cabo de Cruz nos últimos días, acentúan o clima de malestar e preocupación.
A guerra entre os furtivos e os mariscadores profesionais de Cabo está máis caldeada que nunca. Os incidentes acontecidos esta semana, o incendio da planeadora dun membro da xunta xeral e a agresión dun furtivo, indignan ós traballadores da confraría boirense. O incremento da agresividade, destes mariscadores ilegais, xera unha constante preocupación no sector. A problemática do furtivismo en Cabo parece imposible de combater. Algúns acusan ó anterior patrón maior desta situación. Opinan que as reducións das vixilancias fomentaron a chegada de furtivos de distintos puntos da comarca, o que provoca un arrase total dos bancos marisqueiros. Reclaman que o furtivismo se tipifique como delito, e carrexe sanción de cárcere. Actualmente estas actividades son consideradas faltas administrativas e non conseguen o efecto disuasorio desexado, porque a maioría dos ilegais son insolventes e regresan decontado ás praias. O reforzo da vixilancia é outra das medidas que propoñen para erradicar o problema. Desde a confraría temen que este incremento da violencia estea relacionado co rumbo que pretende tomar a nova xunta directiva. Estes, encabezados por Raquel Souto, teñen o firme compromiso de eliminar a esta lacra dos areais.