Últimos pasos para a posta en marcha da depuradora de Corrubedo

    RIBEIRA> O alcalde de Ribeira visitou a estación depuradora de augas residuais de Corrubedo para supervisar a posta a punto desta nova infraestrutura, cuxa entrada en funcionamento se prevé para o vindeiro mes de xaneiro de 2015. Acompañado do concelleiro de Benestar Comunitario, Antonio Freire, o rexedor municipal percorreu as instalacións xunto con técnicos tanto de Augas de Galicia como da empresa adxudicataria da súa construción, Espina Obras Hidráulicas. Segundo lle informaron a Manuel Ruíz, unicamente resta a alta na acometida eléctrica para poñer en servizo unha depuradora que atenderá o tratamento das augas residuais das parroquias de Olveira, Artes e Corrubedo. Así mesmo, subliñáronlle que, nos primeiros doce meses de funcionamento, a xestión da mesma será asumida pola propia empresa Espina Obras Hidráulicas. Por outra parte, cómpre informar de que este luns arrancarán as obras correspondentes á futura depuradora de Ribeira.