{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/25/violencia_xenero_barro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/25/violencia_xenero_barro.mp4{/flowplayer}
BARRO> Novo caso de violencia machista, desta volta no lugar da Portela, en Barro. Un home de 48 anos mataba durante a noite á súa muller, de 38. Tras alertar á Garda Civil, aforcábase nun alpendre próximo á vivenda. Os corpos foron atopados ás 8.30 da mañá. Segundo a Delegación do Goberno en Galicia, non había denuncias previas.
Dous falecidos en Barro no que xa se considera un novo caso de violencia machista. Segundo fontes da investigación, ás 8.30 da mañá a Garda Civil recibía a chamada dun home de 48 anos veciño do municipio no que comunicaba ter matado á súa esposa, e anunciaba que ía suicidarse. Cando chegaron á casa, atoparon á muller morta na cociña con dous disparos de escopeta na cabeza. El aforcárase nun alpendre próximo á vivenda.
O xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres ás 12.20, e foron trasladados ata a Delegación Territorial do Instituto de Medicina Legal de Galicia, onde se lles practicará a autopsia.
Durante a mañá, foron moitos os veciños e familiares de ambos falecidos que se achegaron ata a casa, que incluso protagonizaron varios momentos de tensión.
Segundo a Delegación do Goberno, non existían denuncias previas. Tampouco os veciños detectaran ningún problema entre o matrimonio. El traballaba na construción, aínda que na actualidade estaba no paro. Ela, unha muller de 38 anos natural de Marín, traballaba no servizo de autobús escolar e atendendo a persoas maiores dende os servizos sociais do concello. A parella tiña dúas fillas menores de idade que estaban na vivenda no momento do suceso e que foron atendidas por persoal especializado do concello para despois quedar a cargo dun familiar.
Partidos políticos e institucións xa amosaron a súa repulsa por este asasinato. O alcalde de Barro, José Antonio Landín, achegouse ata o lugar do suceso a media mañá, e xa convocou un pleno extraordinario para as 9 desta noite.
De confirmarse, esta sería a sexta muller en Galicia que falece a mans da súa parella no que vai de ano. En España, xa son 36 as vítimas da violencia machista durante o 2014.