San Bartolomeu para tódalas idades

    NOIA> O sol e as agradables temperaturas rexistradas esta fin de semana, propiciaron unha gran participación de veciños e visitantes nas festas de San Bartolomeu. Unha ampla oferta, de música e actividades, intentou satisfacer a tódolos públicos.

    O concello de Noia confeccionou un ateigado programa para as festas de San Bartolomeu, pensando en tódolos públicos. Durante esta fin de semana houbo actividades deportivas, xogos populares e concertos dos máis variados estilos. Un dos reclamos máis destacados, foi a lectura do pregón a cargo do actor noiés Javier Rey, coñecido polo papel que desenvolve na serie Velvet de Antena 3. Foron moitos os veciños e visitantes, que encheron o paseo da Alameda, para non perderse as súas palabras. Loquillo e Xoel López foron os concertos estrela. Ambos fixeron vibrar á vila noiesa coa súa música. O público adulto puido bailar boleros ou cumbias coas numerosas orquestras contratadas e a praza do Tapal acolleu a música máis alternativa, da man de Dios ke te crew, A Banda Crebinski ou Os de Abaixo. Os máis pequeniños das casas puideron gozar dos inchables gratuítos e tamén das atraccións. Lembren que as festas alongaranse ata a noite do martes. Concluirá San Bartolomeu cun monólogo de Carlos Blanco, na praza do Tapal, á unha menos cuarto da noite.

    Comments are closed.