Éxito de público e organización na I Festa do Polbo de Palmeira

    RIBEIRA> O bo tempo propiciou a boa acollida desta exaltación dun produto cunha gran tradición na zona. O músico palmeirán, Enrique Paisal foi ademais o pregoeiro oficial desta cita gastronómica. O executivo ribeirense valorou de rotundo éxito a primeira exaltación do polbo celebrada esta pasada fin de semana en Palmeira. Ata a carpa instalada para a ocasión na explanada portuaria achegáronse numerosas persoas, non só do concello senón tamén doutras procedencias, atraídos por degustar este manxar da nosa ría como é o polbo. A cita gastronómica superou ademais as mellores das expectativas previstas pola organización, xa que o bo tempo existente propiciou a chegada masiva de xente. Así apúntase a que ademais dos mil quilos de polbo consumidos, houbo tamén outros produtos coma churrasco, mexillóns e empanadas. Da preparación de todo encargouse un vello coñecido deste tipo de festas gastronómicas, como é o cociñeiro Manuel Veloso. Á par da propia degustación, desenvolvéronse tamén outras actividades complementarias como é o caso dunha exhibición de zumba e outra de taekwondo a cargo do Natural Sport. A música tamén tivo o seu protagonismo coa actuación dunha charanga e varios grupos musicais que se encargaron de amenizar a festa, tanto na xornada do sábado como na de onte domingo. O éxito desta primeira Festa do Polbo de Palmeira xa fai pensar nunha segunda edición. A cita foi organizada polo concello de Ribeira coa colaboración da Comisión de Festas de Palmeira e os bares Baluarte, a de Alejandro e Manolo do Café.