Pontevedra xa case cheira a Feira Franca

PONTEVEDRA> Pontevedra prepárase para dar esta fin de semana un salto no tempo de varios centos de anos. O venres e o sábado a vila mergullarase na Feira Franca, trasladando a súa zona vella á Idade Media. Unha festa que se ten convertido na máis popular da capital, e que axuda á hostalería a prolongar o verán.

 

Con catorce edicións ás súas costas, a Feira Franca xa é unha das citas máis populares de Pontevedra. Esta fin de semana celebrarase a décimo quinta, por iso a cidade xa o ten todo preparado.

Centos de persoas traballan para que os dous días da festa saia todo perfecto, cunha preparación que se remonta a moitos meses atrás. 

Nesta edición da Feira Franca, a cidade mirará con maior intensidade cara o ceo. Non só agardando o bo tempo, que tamén, senón porque este ano a astronomía será o tema central.

Decoración, postos de venda de comida e diferentes obxectos e as mesas dos xantares dos veciños axudarán á ambientación das rúas, que acollerán un ano máis a milleiros de persoas.

Tanto é así que a Feira Franca tense convertido nunha das festas favoritas para a hostalería.

Fiel ao seu espírito, pregoeiros a cabalo serán os responsables de anunciar o comezo da Feira Franca. Será o venres ás 7 da tarde. Ás 22.30 está previsto o espectáculo inicial na praza da Ferrería “Un ceo para mil culturas”, das compañías Kull d’Sak e Troula.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/01/feira_franca_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/01/feira_franca_pontevedra.mp4{/flowplayer}