A POBRA> Teatro, música, animación de rúa e sobre todo moita ilusión componen o programa de Nadal da Pobra. A pesar das limitacións impostas pola pandemia, os departamentos de Cultura e Festexos ofertarán numerosas actividades, especialmente para os máis pequenos.
A Pobra vivirá un Nadal diferente pero cargado de actividades. Unha das máis destacadas é o concurso de embelecemento de balcóns e fachadas no que participaron 35 vivendas. De aí sairán as cinco premiadas cunha cesta de nadal valorada en 400 euros que se darán a coñecer o próximo 22 de decembro. A pesar das restricións sanitarios, o concello non renuncia á feira de nadal que se instalará a partir do día 23 na Praza Maior con tódalas medidas de hixiene e prevención que garantan a total seguridade.
No apartado cultural programáronse catro funcións para público infantil e diversos concertos no Cine Elma. O aforo de tódolos espectáculos está limitado a sesenta persoas e será preciso realizar reserva previa. Tódalas actividades serán de balde agás o concerto solidario da banda de música no que se recadarán alimentos.
Para pechar a programación, e aínda que non haberá cabalgata, os Reis si se achegarán ata A Pobra o día 5. Cada un situarase nun espazo diferente e recibirá ós nenos que desexen visitalos co cita previa.