Unha sonense, vítima do último ‘timo da estampa’

    PORTODOSON> As tradicionais estafas seguen a surtir efecto. A última vítima do coñecido timo da estampa foi unha septuaxenaria de Portosín.

    A Garda Civil está investigando quen pode estar detrás do timo da estampa realizado en Porto do Son. A última vítima desta vella artimaña foi unha veciña de Portosín que rolda os 70 anos de idade. Segundo apuntou na súa declaración, entregou os estafadores 4.000 euros en efectivo e cuantiosas xoias persoais a cambio dunha mochila, que presuntamente estaba chea de cartos. A noticia correu como a pólvora no municipio e hoxe os veciños non falan doutra cousa. Hai quen asegura que o truco é demasiado vello como para caer pero hai outros que teñen as súas dúbidas. Cabe destacar que a anciá intentou sacarlle partida á suposta discapacidade psíquica do estafador, segundo ela mesma confirmou. Está claro, que en moitos casos a avaricia rompe o saco.