A Pobra, único porto da ría de Arousa no que recalará a Regata Rías Baixas

A POBRA> A 60 edición da regata Rías Baixas recalará na Pobra o día 11 de agosto. É o único porto da ría de Arousa que acolle unha etapa desta proba senlleira que reunirá unhas 70 embarcacións.

A Pobra do Caramiñal repite como sede da Regata Rías Baixas. Nesta 60 edición prevese a participación dunhas 70 embarcacións que realizarán as catro etapas con saída e chegada a Vigo.

Ademais de acoller as embarcacións no porto deportivo e a entrega de premios da etapa no club náutico, o concello da Pobra ofrecerá uns petiscos ós regatistas e editará material divulgativo para dar a coñecer o patrimonio natural e histórico do municipio así como o seu potencial como destino de turismo náutico.

Cómpre destacar a importancia desta regata como dinamizador dos portos nos que recala posto que xera un movemento dunhas dúas mil persoas entre regatistas e acompañantes.