RIBEIRA> O Museo de Artes do Gravado de Ribeira acolle dende hoxe unha exposición moi especial. Trátase dunha mostra realizada polos usuarios de AMBAR que participaron no obradoiro de punta seca impartido polo mestre Pepe Míguez.
Unha escolma de estampas e gravados en punta seca integran a mostra ‘A Cotío’ que xa se pode visitar no museo do Gravado de Ribeira. Son obra dos usuarios de AMBAR que participaron nun obradoiro impartido por Pepe Míguez para afondar nesta complexa técnica de gravado, non doada de dominar nin para os máis experimentados artistas.
A proposta de plasmar unha serie de obxectos ou sentimentos cotiás partiu do mestre de arte de AMBAR, Manu Mimé, e transformouse nunha exposición a iniciativa do director do museo, Xoán Pastor Rodríguez.
Foron os propios artistas os que explicaron os motivos das súas obras durante o acto inaugural presidido pola alcaldesa de Ribeira.
Trala súa inauguración en Ribeira, a mostra realizará un percorrido por outras salas e museos de toda Galicia. A seguinte parada será en Betanzos.











