Mar apoia a reapertura da pesqueira de anchoa no Cantábrico

GALICIA> A Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente reabriu hoxe a pesqueira da anchoa na zona VIIIc do Cantábrico. Esta decisión beneficia ós barcos galegos e puxo en pé de guerra a vascos e cántabros. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, defendeu a medida porque hai case 20 anos que o bocarte non chega a zonas onde a flota galega ten acceso. Espera que esta medida traia consigo beneficios para o cerco de Galicia.

A reapertura da pesqueira da anchoa, cunha cota de 2.000 toneladas, crea un novo conflito no cerco do Cantábrico. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente anunciou esta decisión o pasado venres e fíxose hoxe efectiva. A medida, que beneficia ós barcos galegos, foi duramente criticada por vascos e cántabros porque segundo eles rompe os acordos adoptados e pode poñer en perigo o stock do 2015. Non obstante, a medida foi aplaudida pola flota galega. Están desexosos de aproveitar o recurso que facía anos que non se deixaba ver. Desde a consellería do Medio Rural e Mar e o sector galego non comprenden a indignación que mostran vascos e cántabros ante este feito. Os vascos anunciaron que sairán a capturar, as 2.000 toneladas que o Goberno anunciou, se finalmente o fan os galegos. En Galicia hai consenso no que respecta a este tema, segundo apuntou Rosa Quintana.