Monterrei e Valdeorras fanse cos premios ós Mellores Viños de Galicia

SANTIAGO> Un coupage de Treixadura e Albariño alzouse este ano como o Mellor Viño branco de Galicia  na vixésimo sétima Cata dos Viños de Galicia. Foi Gargalo, da adega homónima pertencente á Denominación de Orixe Monterrei. O título de mellor tinto foi para unha adega de Valdeorras, Quinta da Peza. Na selección por DOs, Vilarvín, Señorío de Sobral e Adegas Coto Redondo levaron os acios de ouro, prata e bronce ó mellores Rías Baixas.

 

 

Gargalo, un coupage de Treixadura e Albariño elaborado na DO Monterrei alzouse este luns co título de Mellor Viño Branco de Galicia. Foi na gala de entrega dos premios da XXVII Cata dos Viños de Galicia, na que Quinta da Peza, da Denominación de Orixe Valdeorras, se fixo co mesmo título pero ó mellor tinto galego. 187 viños elaborados por 121 adegas galegas concorreron este ano á edición do certame. Un xurado composto por 12 expertos foi o encargado de escoller ós mellores, non só de Galicia, senón tamén de cada unha das cinco Denominacións de Orixe.

 

No tocante a Rías Baixas, os monovarietais de albariño acapararon tódalas distincións. Valtea, da adega Vilarvín, logrou situarse no alto do podio como o mellor viño da DO. Para el foi o acio de ouro mentres que o de prata recaeu en Señorío de Sobral, da adega homónima. Para Adegas Coto Redondo foi o acio de bronce, ó seu albariño Señorío de Rubiós. Os monovarietais Paco & Lola, da Cooperativia Vitivinícola Arousana; Pazo de Villarei, da adega co mesmo nome, e Bernón, de Bodegas Aquitania levaron os diplomas que acreditan a súa clasificación no cuarto, quinto e sexto posto respectivamente.

 

Durante a gala de entrega das distincións, celebrada no Parador de Santiago, o presidente da Xunta salientou o crecemento que o sector vitivinícola galego viviu nos últimos sete anos, sobre todo nas vendas ó exterior. Segundo Alberto Núñez Feijoo, aumetáronse nun 43 por cento as cifras de exportación. Uns datos que aínda é posible mellorar.

 

Na gala tamén se entregaron as distincións das Catas das Augardentes de Galicia e dos Licores Tradicionais, onde os destilados elaborados en Rías Baixas marcaron pauta. Pazo de Señoráns fíxose co Pote de Prata nas Augardentes, Bouza do Rei co de ouro en Licor de Herbas e Martín Códax, pote de prata nesta mesma categoría.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/30/premioscatagalicia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/30/PREMIOS_CATAS_GALICIA.mp4{/flowplayer}