GALICIA> Sogama responsabiliza ao Goberno do Estado da suba anunciada do canon de recollida de residuos. A decisión de incrementar a taxa ata os 108 euros provocou unha vaga de protestas entre os concellos e críticas do Partido Socialista e do BNG. O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente defende o modelo de xestión e asegura que a decisión se toma para evitar que as contas de Sogama volvan ser negativas como no 2023.
No 2025, o canon de recollida de residuos de Sogama subirá dos 66 euros por tonelada aos 108. Unha suba que está a provocar numerosas protestas dende os concellos e que dende o ente autonómico atribúen a unha decisión do Goberno central.
Refírese Domínguez ao novo imposto á vertedura e incineración que recolle o Estado na Lei de Residuos e Solos Contaminados. Tamén á recuperación estatal do imposto de produción eléctrica e á eliminación da retribución que Sogama recibía na planta termoeléctrica. Medidas que deixaron no 2023 o balance da Sociedade en números vermellos.
O presidente de Sogama defende o seu modelo de xestión de residuos. Asegura que está na liña das políticas que se están a aplicar noutros países europeos, e sinala que o importante é reducir a contía de residuos que chegan á planta traballando na súa orixe, os concellos.
Tamén respondeu ao Partido Socialista. A formación defende en Galicia que este novo imposto é responsabilidade da Xunta, por non ter adaptado o sistema de xestión de residuos ás normativas europeas.











