A carreira popular de Santa Uxía pecha o circuíto ribeirense

RIBEIRA> A XVII edición será o domingo 28 ás 11 da mañá. A saída estará situada no Malecón e terá por diante 10 quilómetros de espectáculo.

O casco urbano será escenario da XVII carreira popular de Santa Uxía, unha proba que á súa vez é campionato galego de 10 quilómetros ruta e forma parte tamén, do circuíto de carreiras da Deputación da Coruña. A cita deportiva, ansiada polos corredores barbanzáns, está prevista para o domingo 28, con saída do Malecón ás 11 da mañá. O percorrido da proba absoluta consiste en dar dúas voltas a un trazado de 5 quilómetros, pero haberá máis distancias dependendo das idades participantes. Ano a ano aumenta a cantidade de corredores neste evento, que xa está consolidado no calendario de carreiras populares. Se vostedes tamén desexan participar aínda están a tempo de inscribirse. O custe da inscrición é de 6 euros para a categoría absoluta. A participación nas demais será e balde.