O plantel do Extrugasa leva tres meses sen cobrar

VILAGARCÍA> Tan só dous días despois de que o conxunto vilagarcián acadase a permanencia na Liga Femenina a directiva deu a coñecer as penurias económicas polas que está a atravesar o club. O plantel e o corpo técnico levan tres meses sen cobrar e vista a falta de apoios, non descartan ter que renunciar o ano que ven á súa praza na liga.

A victoria do sábado en Ibiza significou máis que a permanencia para o plantel do Extrugasa. Foi unha liberación. Co obxectivo acadado, o deportivo pode pasar xa a un segundo plano e centrar os esforzos en salvar unha situación que onte dende a directiva tildaron de crítica.

Se ben o Extrugasa é o club máis modesto de todos cantos actúan na Liga Femenina, tamén sempre se caracterizou pola súa seriedade á hora de facer as cousas. Pero nesta ocasión a tardanza á hora de cobrar as subvencións que lles garantiron dende as institucións públicas xeroulles un grave problema, un problema de 140.000 euros que faltan por ingresar, a terceira parte do orzamento total do club para este ano.

Dende decembro levan plantel e corpo técnico sen cobrar. Dúas mensualidades que serán tres nuns días. Ben é certo que o club ingresará cartos a finais de semana procendentes do concello e de Deporte Galego co que poderán facer fronte a un pago. Contan que incluso a mediados de abril poidan pagar febreiro e comezar a prorratear a de marzo ata o mes de xuño, que será cando reciban a última subvención.

O equipo confía na directiva, por iso seguíu ó seu, traballando, e non alzou a voz antes. O problema é solucionable a todas luces pero deixa varios interrogantes no aire de cara ó futuro. Dende o club plantéxanse se unha cidade como Vilagarcía pode soportar económicamente a presencia dun equipo como o Extrugasa na máxima categoría. Esta situación pode repetirse en vindeiros anos. Aínda está moi presente o que sucedeu hai dúas temporadas, a do último descenso, na que se fixo unha forte aposta que non saíu como se esperaba. Nesta ocasión nin co plantel máis barato da categoría salváronse dos problemas.

De todo isto falarase en profundidade nunha asemblea de socios que se celebrará en abril e na que se informará pormenorizadamente da situación.

Redacción Salnés