Dieste responde ás críticas da oposición e defende a súa xestión

    BOIRO> Defende que os arranxos que se están a acometer na vila eran necesarios.

    O rexidor boirense, Xoán Xosé Dieste, contestou ás críticas de Iniciativa Cidadá de Boiro, os cales cualificaron de dispendio o asfaltado que está a realizar o goberno local na avenida da Constitución. Manuel Velo considerou que é un gasto innecesario tendo en conta que o mesmo tramo se arranxou no 2010. Non obstante, Dieste indica que a estrada tiña importantes desperfectos que se ían agravar notablemente nos meses de inverno. O alcalde defendeuse ademais dos ataques socialistas. O PSOE boirense acusa ós populares de non traballar en prol de mellorar o saneamento do municipio. Xoán Xosé Dieste non considera que a rede sexa deficiente, e opinou que os vertidos son froito de problemas puntuais e que en ningún caso afectan á ría. Ademais cualificou de satisfactoria a xestión do seu equipo no que vai de mandato, inclusive enfrontándose a unha importante débeda. Aínda así, acepta que quedan cousas por mellorar.