Nove locais competirán por servir a mellor tapa no ‘III Son para Comelo’

    PORTO DO SON> Porto do Son acolle esta fin de semana a terceira edición do concurso de tapas ‘Son para Comelo’. Nove establecementos participarán no certame que repartirá máis de douscentos euros entre os consumidores. A principal novidade desta terceira edición do concurso de tapas é o aumento da participación, cun total de nove locais que se sumaron á iniciativa, fronte ós seis da pasada edición. Dende o venres pola tarde ata o domingo a mediodía ofrecerán, de balde, unha serie de pinchos elaborados coa mellor materia prima da nosa terra e do noso mar. Os clientes poderán puntuar as tapas nunha escala do un ó cinco e entrarán no sorteo de tres premios cun mínimo de seis tapas consumidas. O sorteo celebrarase o día 27 no restaurante o Risón onde tamén se dará a coñecer a tapa gañadora. Os establecementos participantes, ademais do restaurante Risón, son o Café Bar Eugenio, a tapería O Porto, o bar Praza, a marisquería Terramar, o restaurante Sorpresa, o café bar Axexo, a Cantina da Lúa e o Café Bar Loreto. As tapas serviranse a mediodía en horario de doce e media a tres e pola tarde, de sete a dez da noite.