A alcaldesa de Muros solicita medidas para minimizar o impacto do peche de Calvo

MUROS> A alcaldesa de Muros mantivo un encontro con responsables da Consellería de Industria na busca de medidas que permitan minimizar o impacto do peche da fábrica de Calvo en Esteiro. A alcaldesa de Muros e o concelleiro de Facenda acudiron á xuntanza na Consellería de Industria cun bo número de propostas baixo o brazo encamiñadas a minimizar, na medida do posible, as consecuencias negativas do peche da planta de Esteiro. Entre elas, a adhesión do concello ó protocolo asinado entre Xunta e Fegamp denominado ‘Concellos Doing Bussiness Galicia’ que contempla bonificacións e exencións fiscais para favorecer a implantación de novas empresas. Outra das solicitudes formuladas polo concello refírese á posibilidade de que algunha empresa inicie actividade nas instalacións de Calvo, despois de que o grupo conserveiro manifestara a disposición de estudar as posibles ofertas. A rexedora muradá solicitou tamén a mediación dos responsables autonómicos para conseguir unha redución do prezo das parcelas no parque empresarial, actualmente moi elevado. En materia de formación, acordouse organizar unhas xornadas sobre cooperativismo. Nesta mesma liña, a alcaldesa solicitou que se teña en conta a situación producida a raíz do peche da planta á hora de conceder os obradoiros de emprego.