O concello de Rianxo renova as canalizacións na rúa Irmáns Insua

RIANXO> O concello de Rianxo iniciou as obras de renovación de redes na rúa Irmáns Insua. Esta actuación, financiada pola Deputación da Coruña, terá continuidade na rúa dos Mestres, cunha obra similar asumida por fondos propios. Esta semana deron comezo os traballos para a canalización da rede de pluviais e o separativo na céntrica rúa Irmáns Insua en Rianxo. Esta obra, financiada pola Deputación da Coruña, vense sumar á recente substitución dun treito da rede de abastecemento de fibrocemento. Xunto con estes traballos, o concello decidiu acometer con fondos propios tamén a renovación de redes na rúa dos Mestres, transversal a Irmáns Insua. Unha vez concluída a instalación das tubaxes procederase á repavimentación das dúas vías que precisaban tamén da renovación do firme. O concello aproveitará tamén as obras para mellorar a seguridade e a accesibilidade na zona coa rebaixa da altura nalgunhas beirarrúa. Está previsto que a actuación estea rematada antes do verán.