LOUSAME> A sentenza do Tribunal de Contas é recurrible, aínda que todo apunta a que o extesoureiro non recorrerá, xa que el mesmo recoñeceu por escrito tódolos feitos dos que se lle acusa. Á espera da sentenza por vía penal aínda pendente por esta mesma causa, o extesoureiro municipal do concello de Lousame, Francisco Lorenzo, vén de ser condenado polo Tribunal de Contas, a devolver os preto de 370 mil euros que de xeito indebido desviou para o seu beneficio persoal das arcas municipais. A nova levantara no seu día, a finais de 2012, unha gran axitación na zona, non só no concello de Lousame senón en toda a comarca, xa que se trataba dunha persoa moi coñecida. Ó parecer o extesoureiro chegara mesmo a falsificar a sinatura do alcalde para facer diferentes operacións bancarias de xeito fraudulento desviándoas ás súas contas privadas. Durante este tempo o propio Francisco Lorenzo, coa axuda de amigos e familiares, xa reintegrou unha parte da totalidade dese diñeiro defraudado. Dende o actual executivo valoraron moi positivamente a decisión do Tribunal de Contas, xa que se trata dunha cantidade importante de cartos que serán devoltos ás arcas municipais.
Inicio Barbanza - Muros - Noia