A Comisión do Carme dos Pincheiros presenta un amplo cartel con importantes novidades

    POBRA> A Pobra prepárase para catro días de festa na honra da Virxe do Carmen dos Pincheiros. Dende o 18 ó 21 de agosto a vila acollerá un amplo programa de actividades para tódolos públicos coa procesión do domingo como celebración destacada. O gran esforzo realizado pola comisión de festas así como a colaboración de veciños e empresas patrocinadoras fixo posible pechar un gran programa festivo ó tempo que se saldaron tódalas débedas pendentes e se sanearon as contas. Os festexos arrancarán o venres 18 cando terá lugar o pregón e dous concertos de rock. O sábado tocaralle ás orquestras Solara e Carambola amenizar a velada nocturna mentres que o domingo tomaralle o relevoa orquestra Tango e o grupo De Líder. O luns a orquestra Israel porá o broche de ouro. Ademais dos espectáculos musicais destacan entre as celebracións a tradicional misa e procesión do domingo ou as olimpiadas dos san juerguines que este ano cambian de emprazamento. Haberá tamén actividades para nenos como inchables ou a festa da escuma que terá lugar o luns. Non faltarán tampouco a tradicional comparsa de xigantes e cabezudos que percorrerá as rúas da vila durante tódolos días que duren as festas.