O presidente de Portos supervisa o novo sistema de peche do peirao comercial da Pobra

    POBRA> O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, comprobou na Pobra do Caramiñal os resultados das obras realizadas nos últimos meses para a instalación do novo sistema de peche no peirao comercial. A actuación, que supuxo un investimento duns 240 mil euros, permitirá dar cumprimento ó código de seguridade internacional, coñecido coma PBIP. A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de instalar controis de acceso e sistemas de vixilancia, mecánica e presencial, na totalidade dos portos comerciais de titularidade autonómica, entre os que se atopan o de Ribeira e o da Pobra do Caramiñal. O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, realizou unha visita a esta última localidade para dar conta da actuación realizada e comprobar o sistema de peche na dársena comercial. Segundo explicou estes puntos de control permitirán dar cumprimento á normativa do código internacional de seguridade para a Protección dos Buques e Instalacións Portuarias, coñecido coma PBIP. Esta actuación inclúe tamén a dotación de persoal de vixilancia durante as tarefas de carga e descarga dos buques. Durante a visita, o presidente de Portos tivo tempo tamén de conversar co alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, a quen lle informou das últimas actuacións levadas a cabo polo ente autonómico na localidade, concretamente na dársena portuaria. José Juan Durán informou tamén das previsións que manexa o ente autonómico para a apertura da nova lonxa de Ribeira. Segundo o presidente de Portos o proceso marcha segundo o previsto. O prazo de presentación de ofertas para o concurso da xestión da nova rula remata o próximo 18 de xullo e a partir desa data, unha vez adxudicada, procederase a outorgar a autorización correspondente para a súa apertura.