Fajardo tomou posesión como presidente da Federación Galega de Confrarías

GALICIA> Tomás Fajardo, patrón maior de Porto do Son, tomou posesión como novo presidente da Federación Galega de Confrarías. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, ofreceu diálogo permanente e traballo conxunto na procura de solucións aos problemas e retos que afronta o sector marítimo-pesqueiro. Rosa Quintana sinalou que este diálogo ‘será decisivo para avanzar na procura da solución dos problemas do día a día do sector’. Entre as cuestións urxentes a resolver, a conselleira citou o mantemento do arte do xeito, na defensa do cal xa se pronunciou por unanimidade o Parlamento de Galicia e se enviaron alegacións a Bruxelas. Tamén sinalou a importancia da loita contra o furtivismo e da mellora da comercialización. A conselleira indicou tamén que haberá situacións difíciles como os episodios de toxinas vividos este ano ou a baixa na produción marisqueira nalgunhas zonas, ou mesmo a paulatina implantación da política dos descartes que recolle a nova PCP. Fronte a estes problemas destacou a necesidade de encontrar alternativas, como por exemplo mellorar a comercialización revalorizando uns produtos de primeira calidade como son os das nosas rías. Tamén, con accións de recuperación de zonas de marisqueo improdutivas.