Galicia acollerá o Encontro Anual de Administracións Portuarias

GALICIA> Portos de Galicia organiza os vindeiros días 23 e 24 deste mes de outubro o encontro anual de Administracións portuarias das Comunidades autónomas españolas. Estas xornadas, dan continuidade ás celebradas o pasado ano en Canarias e celébranse por terceira vez na nosa comunidade. O presidente do ente público, José Juan Durán, presentou o encontro que reunirá en Santiago de Compostela ós directivos técnicos dos entes autónomos e departamentos administrativos responsables da xestión dos portos de titularidade autonómica nas 10 comunidades costeiras de España. Así, estarán presentes técnicos de Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Cataluña, Islas Baleares, Murcia, País Vasco, Valencia y Galicia. Entre os principais contidos teóricos das xornadas destacan as charlas sobre lexislacións autonómicas específicas, que varias autonomías están a desenvolver, como é o caso de Galicia, País Vasco e Cataluña. Así mesmo, falarase, entre outros temas, da xestión portuaria no contexto de crise económica, da aplicación de novas tecnoloxías á explotación dos peiraos e da revisión tarifaria en réximes concesionais. Deste xeito, o obxectivo último das xornadas é o establecemento de sinerxias entre as diferentes administracións portuarias autonómicas, a través do intercambio de experiencias prácticas e o debate sobre as principais problemáticas e retos de futuro de cada comunidade autónoma. Dende a Xunta de Galicia aproveitarase a participación nestas xornadas para dar a coñecer a outras comunidades autónomas o anteproxecto da lei autonómica que Portos de Galicia ten elaborado e que foi presentado no Consello da Xunta o pasado mes de xullo.