VILAGARCÍA> Os xubilados de toda España saíron hoxe á rúa para demandar unhas pensións dignas. En Vilagarcía, celebrouse desas concentracións nas que os pensionistas criticaron a suba do 0,25% aprobada polo goberno central. Consideran ese incremento unha tomadura de pelo.
Este grupo de pensionistas, acompañado por membros de CCOO, concentrouse esta mañá ás portas das Oficinas de Emprego de Vilagarcía. Consideran “rídicula” a suba das pensións do 0,25%, un incremento que se traduce en moitos casos en apenas un ou dous euros.
Reclámanlle tamén ó executivo de Rajoy que o crecemento da economía se traslade tamén ós salarios, impulsando deste xeito unha mellora da protección social, con pensións que permitan unha vida digna.
E segundo din, non só se trata das pensións de hoxe, senón tamén de mañá, daquelas que deberían ter garantidas as vindeiras xeracións.
Os pensionistas presentes na concentración desta mañá apuntan que apenas dan chegado a fin de mes. Critican a escasa suba das súas pagas en comparación coa suba da vida.
As accións reivindicativas por unhas pensións dignas van continuar en vindeiras datas. Hoxe, moitos dos xubilados presentes facían un chamamento a outros pensionistas para que se unan a eles na súa causa. Porque segundo lembran, non só se trata do seu porvir, senón tamén do dos seus fillos e dos seus netos.